Saturday 27 de April de 2024

A V Andaina Terras de Altamira supera xa as 300 inscricións e a organización márcase o obxectivo de chegar ao medio milleiro


 

A proba, organizada por O Esquío no Piñeiro e o Concello de Brión, terá lugar o 25 de maio e incluirá tres distancias: 14, 36 e 50 km

A V Andaina Terras de Altamira, que terá lugar o sábado 25 de maio, vai camiño de marcar un récord de participación. Se o ano pasado se chegou aos 403 participantes, o máximo número de inscritos nas catro edicións, a falta dun mes para o peche de inscrición a andaina supera as 300 inscricións. “Para nós é unha gran sorpresa pois o ano pasado, a estas alturas, tiñamos só cen inscritos. Por iso pensamos que podemos chegar ao medio milleiro de persoas”, explica Xosé Manuel Trigo, director da IV Andaina Terras de Altamira.

Unhas cifras que están lonxe dos 100 participantes de 2017, o que demostra que “medramos ano a ano xa que os sendeiristas valoran moito a organización e a calidade da ruta, con abundantes avituallamentos sólidos e líquidos así como unha completa bolsa do sendeirista, que este ano estará composta por mochila, camiseta técnica, pulseira reflectante, dorsal e outros agasallos cortesía dos nosos patrocinadores”, apunta Xosé Manuel Trigo.

Inscricións

As inscricións poden formalizarse a través da páxina web www.andainaterrasdealtamira.org. Quedan dous prazos e prezos: ata o 12 de maio por 18 euros ou do 13 ao 23 de maio por 14 euros e sen opción á bolsa do sendeirista, chea de obsequios achegados polos patrocinadores da Andaina. Ademais, o prezo reducirase en 2 euros para aquelas persoas que posúan licenza da Federación Galega de Montañismo. A inscrición dá dereito a servizos médicos, avituallamentos sólidos e líquidos, duchas, seguro de accidentes, aparcamento, recollida en caso de accidente ou lesión, diploma de finisher e medalla de finisher.

A proba volverá estar estruturada en forma de trébol de tres follas, de forma que cada participante elixe a distancia quere percorrer: 14, 36 ou 50 quilómetros. Neste sentido, a Carballeira de Santa Minia volverá ser o punto neurálxico da proba, xa que será punto de saída e chegada das tres rutas, de 14, 22 e 14 quilómetros, respectivamente. Esta distribución do percorrido en aneis está pensada para que cadaquén escolla a distancia que considere pode andar sen problemas segundo a súa capacidade física.

A IV Andaina Terras de Altamira volve a estar incluída no calendario oficial da Federación Galega de Montañismo e formará parte da Copa Galega de Andainas de 50 km na que puntuará con 1 punto. Oganizada pola asociación O Esquio no Piñeiro e o Concello de Brión, conta coa colaboración da Piscina Cuberta Municipal de Brión e da Federación Galega de Montañismo.